O sábado 15 de decembro de 2018 participamos no III Foro Negro no Auditorio de Galicia, Compostela. O III Foro Negro da Cultura enmárcase no proxecto Unha Gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige 2002-2019.
O happening comezou formando un tapón e unha cola na entrada do evento. Xa na cola anunciábase mediante uns carteis en cartóns que para acceder era necesario facer unha confesión ou unha denuncia relacionada con malas prácticas culturais ou artísticas. As mensaxes dos cartóns eran tipo: Peaxe/ toll. Redimir ou morrer. Todas somos pecadoras. Non culpes ao mundo, purifícate!
Soaba un teclado ambiental tipo eclesiástico, e as persoas eran recibidas por unha farandula pianista que é a que lles daba acceso aos confesionarios. Había dous confesionarios, cada un coa correspondente farandula, ambientados tipo salita de estar, con sofá, luz de lámpada e mesiña con revistas de todo tipo. Entre os dous confesionarios había unha pota con auga fervendo e eucalipto, que desprendía un vapor aromático pola sala.
Recibiron unha pinga de aceite de eucalipto como "extrema unción" ou acreditación ao evento.
Unha vez finalizadas as confesións xuntamos todos os audios e procesámolos, de tal forma que non se recoñecen as voces das participantes. O resultado é un mp3 de 45 minutos aproximadamente con todas as testemuñas. Este mp3 foi compartido no grupo de whatsapp do evento. E escoitámolo todas xuntas no evento foro da tarde.
AQUI podes ver a publicación de e acceder ao AUDIO publicado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario